16 Feb 2015

16 Feb 2015

“ANÍMATE A EMPRENDER! OU NON?”

By:

Category: Información general

0 Comment

 

“Anímate a emprender! ” “Estas sen traballo, que perdes?” “Sae da túa zona de confort!” “Se non encontras quen te contrate, crea ti o teu propio posto de traballo!” Cantas veces, as persoas que se atopan en situación de desemprego, teñen que oír frases coma estas.

Desde  Inprega animamos a emprender pero con “sentidiño”.

Que queremos dicir con iso? Pois que non abonda con ter unha idea.

Unha boa idea é fundamental, certo, pero tamén hai que saber como levala a cabo.  Haberá que estudar esa idea e valorar se é realmente interesante para lanzala ao mercado, se é novidosa, se xa hai outras experiencias similares, que é o que se lle pode achegar que lle dea un valor diferencial sobre outras xa existentes.

Á par debemos deseñar e planificar con detalle e sentido común o noso Obxectivo Profesional, polo que, ante todo, temos que sentir paixón. Gozar co traballo diario axudaranos a percibir menos sacrificios e a vencer a tentación de “tirar a toalla” cando atravesemos dificultades. Se o que vas emprender non te apaixona, é mellor que o deixes.

Si, isto é moi importante, e sen telo claro non deberiamos atrevernos a emprender, pero aínda hai outros aspectos que moitas veces non temos en conta e que terían que ser o primeiro a analizar antes de iniciar unha aventura empresarial.

Tes madeira de emprendedor/a? Como é a túa familia? Como é o teu entorno próximo? Vives nun contexto favorable para o emprendemento?

Ímoslle quitar moito tempo á nosa familia, temos que saber se contamos co seu apoio ou non para levar a cabo o proxecto, se van entender o noso novo xeito de vida, se nos axudarán a atopar solucións ou se nos van crear problemas engadidos…

CIMG0828 (3)
Por todo iso dende Inprega, cando realizamos un programa dirixido a futuros emprendedores, dedicamos unha primeira parte a que as persoas asistentes se autoanalicen, estudando os seus puntos fortes e débiles, sendo consciente das súas capacidades e das súas debilidades e sopesando as consecuencias da decisión de emprender no seu ámbito próximo.
É despois desta análise e non antes, cando se debe pasar a estudar a idea de negocio, coñecer o mercado, ver a viabilidade ou non da idea, como facer fronte ao seu financiamento, que forma xurídica elixir, como será a estratexia de mercadotecnia, preparar un plan de empresa o máis realista posible para minimizar as posibilidades de fracaso.
E se despois de todo isto fracasamos, debemos de ser conscientes de que dos fracasos tamén se aprende e que as posibilidades de volver emprender, non rematan..

Añade tu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *