21 Feb 2015

21 Feb 2015

A INTELIXENCIA DO SINXELO.

By:

Category: Información general

0 Comment

O emprendemento complicado,  inimigo do bo emprendemento.

Hai pouco Jorge Valdano, nunha intervención na radio, facía esta valoración dun compañeiro: “Es una persona simple, en el buen sentido de la palabra, en el sentido de inteligente”.  Por algo o exfutbolista e adestrador arxentino é considerado un filósofo do mundo do deporte, con reflexións con validez plena na vida cotiá, e polo tanto, tamén na laboral.

 Aos obradoiros sobre emprendemento que impartimos desde Inprega, S. Coop. Galega, chegan con demasiada frecuencia persoas que traen baixo o brazo proxectos que parecen estar encabezados por luminosos letreiros do tipo “Futuro Fracaso”.  Por suposto, o cualificativo non llo poñemos nós, vén “de fábrica”, nós limitámonos a facer preguntas.  

As preguntas máis eficaces, as que permiten distinguir o “risco” do “temerario” son as que, pola súa simplicidade parecen puerís. O grande traballo de Inprega é que a persoa que quere emprender escoite de verdade as respostas, as súas respostas, e conseguir que se faga responsable do que pretende. Temos que dicir que estas mesmas simples preguntas tamén conseguen dar luz aos letreiros de “Futuro Éxito”.

Un dos erros máis recorrentes consiste no descoñecemento da complexa actividade ou sector no que se pretende emprender, pero, por fortuna, é frecuente que isto veña acompañado dunha  inversión económica inicial desorbitada para o orzamento posible. Dicimos “por fortuna” porque, se non aparece ningún familiar con diñeiro sensible á chantaxe emocional, evitámonos desgustos e catástrofes económicas futuras.

As reaccións ante esta imposibilidade monetaria van desde a frustración máis dolorosa ata a pequena gratificación que produce liberarse do sentimento de culpa: “o problema está fóra de min, teño unha gran idea, pero non teño unha gran fortuna para emprendela”.

E aquí acaba a aventura empresarial, dando paso ao inmobilismo e ao asentamento na actitude de queixa constante.

mariña fracaso

Pero, como adiantábamos, iso non é o peor que pode pasar. O peor é que a persoa chegue a investir unha fortuna  na montaxe dun complicado negocio que descoñece. Aquí comeza a bancarrota, as hipotecas de por vida, as desgrazas económicas con maiúsculas… e todo o que parecía que non era diñeiro pero que despois descubrimos que vai unido: roturas familiares, problemas de saúde mental e física, exclusión social…

A situación de partida é complicada e tal vez iso nos estea levando a pretender solucións tamén complicadas, e a non dar credibilidade ás propostas simples.

A fórmula “A grandes males, grandes remedios” non ten por que ser a idónea para aplicar nestes casos, máis ben a solución parece estar en todo o contrario, en buscar no sinxelo, partindo de premisas elementais.

Que se me dá ben? De que recursos podo dispoñer? Que hai ao meu arredor? E non esquecer a máis “simplona” de todas as preguntas: Que é o que me gusta? Aquí está todo. E hai que saber responder a estas preguntas con precisión e, sobre todo, sinxeleza para poder enfrontarse ao emprendemento, porque delas se alimentan as fórmulas complexas, os índices porcentuais e os algoritmos encadeados.

Os sectores posibles a emprender para a mocidade galega son moitos, coma para calquera mocidade de calquera punto do planeta, pero nós temos vantaxes que, por sinxelas e naturais, parece que non vemos.

En Inprega poñemos os pés na terra e seguimos facendo preguntas.

Por que temos un índice de paro tan alto no rural galego estando sen explotar tanta superficie agraria? Por que hai tanta porcentaxe de fincas sen traballar? Por que os mozos e mozas de Galicia obvian ese recurso que teñen tan a man?

Cada vez máis estudos rigorosos apuntan á agricultura ecolóxica coma un negocio rendible.

 http://www.craega.es/index.php/actualidad-es-2/noticias-ga/79-agricultura-ecologica-un-negocio-de-futuro

Hai incluso quen é capaz de ver unha oportunidade no minifundio galego. Así o reflicten os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Xoán Carlos Carreira Pérez, enxeñeiro agroforestal e Emilio V. Carral Vilariño, doutor en ciencias biolóxicas, que acaban de publicar en Através Editora o seu estudo: O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa. O caso galego.  

A experiencia de Inprega acompañando o emprendemento indícanos que os casos que saen adiante teñen o denominador común de partir da sinxeleza, de aproveitar o obvio e natural, de botar man do que se ten e se coñece e de conectar mundos posibles que ninguén antes xuntara.

E entón o entorno fica admirado pola sinxeleza e fai a pregunta definitiva:

“Como non se me ocorreu a min?”

elena ferro

 .

Añade tu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *